Como cumprir o DeCA no transporte de madeira
Para o sector forestal e madeireiro, onde gran parte da materia prima e do produto se move por estrada, a aplicación do DeCA afecta directamente á operativa entre monte, serradoiro, fábrica e cliente.
Por Equipo Nemus

Desde o 5 de outubro de 2026 o DeCA é obrigatorio no transporte de mercadorías por estrada en España. A partir desa data, o papel deixa de ser válido e o documento de control debe xestionarse en formato dixital.
Está preparada a túa empresa? Estas son as claves que debes coñecer.
Que é o DeCA?
O DeCA (Documento electrónico de Control Administrativo) non é unha nova obrigación.
O Documento de Control Administrativo (DCA) xa debía acompañar determinados transportes públicos de mercadorías por estrada. O que cambia agora é o seu soporte: o documento pasa a ser necesariamente dixital.
A súa finalidade é administrativa: acreditar ante os axentes de control que o transporte se realiza conforme á normativa.
E hai unha cuestión importante: os datos que esixe o DeCA son os mesmos que xa se requirían en papel. Polo tanto, o reto non consiste en xerar máis información, senón en dixitalizar correctamente a súa xestión.
DeCA 2026: as datas que debes ter claras
Hai tres datas especialmente relevantes:
- 5 de decembro de 2025: entra en vigor a Lei 9/2025 de Mobilidade Sostible e comeza o prazo de dez meses para a dixitalización.
- 12 de xuño de 2026: publícanse os requisitos técnicos definitivos do DeCA.
- 5 de outubro de 2026: o DeCA pasa a ser obrigatorio e o documento en papel deixa de ser válido.
O calendario está en marcha. Por iso, as empresas que aínda xestionan os seus documentos de transporte en papel deben comezar xa a preparar a transición.
A que transportes aplica o DeCA?
A dixitalización non modifica os transportes suxeitos ao documento de control.
A regra básica é sinxela:
Se un porte xa necesitaba o documento de control en papel, a partir do 5 de outubro necesita DeCA.
No sector da madeira afecta, por exemplo, ao transporte público contratado:
- Do monte ao serradoiro ou fábrica.
- Do serradoiro ao cliente.
- Entre diferentes centros.
En cambio, o transporte privado complementario (mercadoría propia transportada en vehículos propios como actividade accesoria) non require DeCA. Tampouco o transporte internacional, onde se utiliza o CMR.
Se tes dúbidas sobre algún tipo de porte concreto, na [nosa guía] atoparás o detalle dos transportes incluídos e excluídos.
Como cumprir co DeCA?
Non existe unha única aplicación obrigatoria para xestionar o DeCA. Cada empresa pode escoller a alternativa que mellor se adapte á súa operativa.
Entre as opcións dispoñibles están:
- Adaptar o ERP ou software de xestión que xa utiliza a empresa.
- Utilizar SIMPLE, a plataforma gratuíta impulsada polo Ministerio xunto con Puertos del Estado e ADIF.
- Recorrer a unha solución especializada que permita integrar o DeCA con outros procesos, como a plataforma que dixitaliza o aprovisionamento de madeira, Nemus, e a súa app asociada gratuíta para transportistas: Trucker.
Para unha empresa madeireira, esta última cuestión pode marcar unha diferenza importante.
O DeCA no sector da madeira
O cambio ten especial impacto no sector porque unha gran parte dos portes de madeira se realiza mediante transporte público contratado.
Pero existe unha vantaxe: practicamente toda a información necesaria para o DeCA xa forma parte da operativa diaria.
Orixe, destino, natureza e peso da mercadoría, matrículas ou data do transporte son datos que xa se xeran durante un porte.
A clave está en captalos de forma estruturada e poder utilizalos cando sexan necesarios.
Ademais, existe unha clara conexión coa trazabilidade da madeira. Datos como xeolocalizacións, pesaxes ou información asociada aos movementos interveñen tamén noutros procesos de xestión e cumprimento, incluído o EUDR.
En lugar de xestionar cada obrigación de maneira illada, a dixitalización permite avanzar cara a un modelo no que un mesmo dato pode servir para diferentes procesos.
Cumprir co DeCA axuda á túa operativa diaria
A entrada en vigor desta normativa é unha oportunidade para revisar como xestionas os teus transportes e avanzar cara a unha operativa máis integrada, con menos duplicidades e maior control da información.
Este é o momento de revisar que transportes necesitan DeCA, identificar como se xestionan actualmente os seus datos, definir responsabilidades cos transportistas e escoller a ferramenta que utilizará a empresa.
Preguntas frecuentes sobre o DeCA
O DeCA substitúe a carta de porte?
Non. Son documentos diferentes e teñen finalidades distintas. En determinados transportes nacionais serán necesarios tanto o DeCA como a carta de porte.
Quen debe xerar o DeCA?
A normativa non determina cal das partes debe xeralo. Cargador contractual e transportista efectivo deben acordar como facelo. As responsabilidades de cada parte son un aspecto especialmente importante, que explicamos en detalle na guía.
Que requisitos técnicos debe cumprir?
O DeCA debe cumprir requisitos concretos sobre a súa xeración, formato, código QR, almacenamento e acceso. Non abonda con escanear o antigo documento en papel.
Na guía atoparás todos os requisitos técnicos e o proceso que debe seguirse antes, durante e despois de cada transporte.
Descarga a guía completa do DeCA para a industria da madeira
Estas son as claves para entender o cambio, pero desde o 5 de outubro debes ter resoltas outras cuestións: quen responde do documento, que datos debe incluír, como funciona o QR, que ocorre se cambia un vehículo durante o servizo ou durante canto tempo debe conservarse.
Para axudarte, preparamos a Guía e prazos do DeCA en España, específicamente orientada á industria da madeira.
Descarga gratuitamente a guía e comproba paso a paso como preparar a túa empresa para o DeCA.
Desde Nemus axudamos as empresas do sector forestal-madeireiro a integrar o DeCA coa xestión do transporte e a trazabilidade da madeira, evitando duplicar datos e procesos.